Tuesday 14 de May de 2024

Conexión Pingüín, este sábado no Gabriel García Márquez de Mera


O sábado ás 20:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, Culturactiva Producións presenta a obra de teatro Conexión Pingüín, dirixida por Marcos Orsi e coa interpretación de Luis Iglesia e Marcos Orsi. As entradas teñen un prezo de 4 euros e pódense adquirir a través de Ataquilla.com ou desde unha hora antes na billeteira do auditorio.

Conexión Pingüín é unha reflexión cómica sobre a incomunicación na era da comunicación. Unha comedia sobre a incomunicación entre os seres humanos. Este mal fai estragos todos os días e a todas horas, na casa, coa familia, no tráfico, no traballo… Estamos na súper era tecnolóxica, da conexión inmediata, mais nunca estivemos tan lonxe entre as persoas.

A trama desta montaxe ten dous planos aparentemente distantes na época, na latitude e no contexto, mais conectados pola liña condutora deste divertido texto. Por un lado, os dous protagonistas trasladarán o público ao ano 1923, cando tivo lugar unha famosa expedición con rumbo ao polo sur magnético. Dous intrépidos montañeiros, con falta de sentido común e exceso de ego, terán que loitar contra as inclemencias polares, a falta de escoita, o despiste mortal e as súas propias barbas, que non paran de medrar. E por outro lado, unha conferencia formal que, case un século despois, rememora e actualiza aquela fazaña antártica.

VENDA DE ENTRADAS: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/teatro/auditorio-gabriel-garcia-marquez/14602–conexion-pinguin-de-culturactiva-producions.html